Explicación sobre o mecanismo de axuste do gas e as súas repercusións

Dende Nosa Enerxía S.Coop.Galega queremos explicar as modificacións normativas polas que se creou un mecanismo de axuste no Mercado Eléctrico, no que se fixa un tope do prezo do gas para a produción de enerxía eléctrica, e como este mecanismo afecta a Nosa Enerxía S.Coop.Galega e ás persoas consumidoras.

O Real Decreto lei 10/2022, do 13 de maio, establece un mecanismo temporal que limita os efectos da escalada de prezos que o gas natural está tendo no mercado maiorista de electricidade.

Este mecanismo entrou en vigor o 15 de xuño de 2022, e estará vixente ata o 31 de maio de 2023 como máximo (pode ser que o Goberno o retire antes desta data).

Esta medida limita o prezo do gas a 40 €/MWh durante os seis primeiros meses, incrementándose a partir de aí en 5 €/MWh ata alcanzar un valor de 70 €/MWh no último mes (valores inferiores aos prezos medios dos últimos meses) polo que se supón que o efecto será positivo nas tarifas.

O Real Decreto-lei establece un sistema de compensación para retribuírlles, por esta rebaixa, ás centrais que usan gas como se houbesen ofertado un prezo normal; e tamén que esta compensación será asumida polas consumidoras.

O mecanismo de axuste pola fixación do tope do prezo do gas para producir enerxía é unha medida que afecta a tódalas comercializadoras que non teñan mercada toda a enerxía por adiantado (no Mercado de Futuros con coberturas financeiras) ou directamente a produtoras (contratos bilaterais) antes do 6 de Abril de 2022. As condicións para estar exento desta taxa basicamente as cumpran as comercializadoras integradas verticalmente, o oligopolio, e só para contratos asinados con consumidores antes do 26 de abril. Tódolos contratos que vaian renovándose con estas comercializadoras tamén terán que pagar esta taxa, polo que o custe de axuste tamén debería ir diminuíndo, xa que se tería que repartir entre máis comercializadoras.

Nosa Enerxía S.Coop.Galega a través do seu representante de mercado declarou ante o Operador de Mercado as coberturas financeiras que tiñamos anteriores o 26 de abril, e que nos axudaron a fixar a parte fixa do prezo dos nosos contratos. Pero deberemos pagar polo axuste correspondente á enerxía mercada no mercado maiorista, e non asociada a coberturas.

 

Por iso, nas facturas que teñan consumos posteriores ao 15 de xuño de 2022, incorporarase unha nova liña ou concepto na factura na que se repercute o custe do mecanismo de axuste, e que dependerá da enerxía consumida. Deste xeito, canta máis enerxía se consuma máis se terá que pagar neste concepto.

 

Consideracións sobre o mecanismo de axuste:

Segundo o deseño marxinalista do mercado, o prezo da electricidade fixase a partir a última unidade de xeración precisa para abastecer a demanda en cada hora, isto é, a tecnoloxía con maior prezo, que non necesariamente é a máis cara de producir.

A realidade a hidroeléctrica é que a tecnoloxía con maior prezo e a máis barata de producir (nun 55% das veces no 2021) xa que aproveita o custe de oportunidade de ter flexibilidade total para producir a enerxía coa auga embalsada nos momentos de maior demanda. Estes encoros están amortizados e poderían ser recuperados polo goberno de balde ao fin das súas concesións, ofrecendo a oportunidade de baixar de xeito importante as tarifas eléctricas mantendo a rendibilidade de todas as demais tecnoloxías. Pola contra os partidos políticos que se alternan no goberno de España, PP e PSOE néganse en rotundo a cortarlle esta oportunidade de beneficios extraordinarios ás eléctricas (as famosas portas xiratorias do oligopolio)

As tecnoloxías fósiles por contra, no 2021 tan só fixaron o prezo máis caro un 17,5 % das veces, polo que o efecto desta tarifa é probable que sexa limitado.

O que se quere conseguir co mecanismo de axuste é que ao reducir o prezo de oferta das tecnoloxías fósiles, se reduza o prezo final da enerxía no mercado. Pero para valorar os efectos reais deste mecanismo debemos de ter en conta o seguinte:

O aforro non será con respecto ao prezo anterior á entrada en vigor do mecanismo, senón que será con respecto ao que se tería que pagar si non existise o mecanismo de axuste para o tope do gas.

En calquera caso o efecto do mecanismo está minorado por varios factores:

  • A electricidade que se exporta a Francia a prezos rebaixados non paga a compensación do mecanismo de axuste, en realidade pagamos os consumidores españois pola compensación da electricidade exportada.

  • A maior exportación de electricidade provocada pola baixada de prezos repercute nunha maior demanda, que implica a entrada de enerxía procedente de centrais de gas máis ineficientes, e a entrada de tecnoloxías con maior prezo que doutro xeito non terían que entrar.

  • As coberturas financeiras, ou contratos bilaterais anteriores o 26 de Maio, non teñen que pagar por este mecanismo, o que implica unha redución do custe.

  • O prezo do gas volveu a entrar nunha dinámica alcista, pola escaseza de gas no mercado, engadido as tensións xeopolíticas existentes agora mesmo. Isto fai que o efecto do mecanismo sexa maior que de non existir, pero o mesmo tempo fai subir o prezo da electricidade con respecto a situación do trimestre anterior onde desfrutamos de mellores prezos.

Dende Nosa Enerxía S.Coop.Galega pensamos que o mecanismo sería moi mellorable para permitir uns prezos moito máis reducidos, pero somos moi conscientes do poder que ten o oligopolio tanto no goberno español, como no da Unión Europea.

 

Achegamos varios enlaces relativos a esta normativa:

Real Decreto-ley 10/2022, de 13 de mayo, por el que se establece con carácter temporal un mecanismo de ajuste de costes de producción para la reducción del precio de la electricidad en el mercado mayorista.

Orden TED/517/2022, de 8 de junio, por la que se determina la fecha de entrada en funcionamiento del mecanismo de ajuste de costes de producción para la reducción del precio de la electricidad en el mercado mayorista regulado en el Real Decreto-ley 10/2022, de 13 de mayo, y por la que se da publicidad a la decisión de la Comisión Europea que autoriza dicho mecanismo.